Sunday 19 de May de 2024

Rueda situa o tecido empresarial galego como exemplo de xeración de riqueza e respecto ambiental


— Garante o compromiso da Xunta para “pór os medios” para acompañar as empresas no seu desenvolvemento e creación de postos de traballo dun xeito sustentable

— Salienta a “enorme oportunidade” que ten Galicia nas enerxías renovables ao contar cunha “situación punteira” con respecto a outras moitas zonas de Europa

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, erixiu hoxe o tecido empresarial galego como exemplo de xeración de riqueza mantendo intacto o compromiso co respecto ambiental, tal e como considerou que queda acreditado en casos como o de Genesal Energy, que acaba de poñer en marcha a primeira fachada fotovoltaica integral de Galicia nas súas instalacións no concello coruñés de Bergondo, evitando así a emisión de 20 toneladas de dióxido de carbono.

“É un signo de compromiso medioambiental” gabou Rueda sobre estas instalacións, ao tempo que salientou “o talento, a perseveranza, a investigación e os investimentos en i+D+i” desta empresa, á que cualificou de “punteira e forte”. Ademais, tamén puxo en valor que, a través da súa actividade económica, non só exporta produtos galegos a todo mundo, senón tamén talento sen esquecer a preservación e protección da contorna.

Ante esta implicación do tecido empresarial galego na xeración de riqueza e no respecto ambiental, o mandatario galego defendeu que as Administracións “deben preguntarse que deben facer para botar unha man”. Por este motivo, garantiu o compromiso da Xunta en “pór os medios” para acompañar as empresas no seu desenvolvemento e creación de postos de traballo dun xeito sustentable.

A enorme oportunidade de Galicia nas enerxías renovables
Neste senso, fixo fincapé en que as enerxías renovables “chegan para quedarse” e advertiu que Galicia ten “unha enorme oportunidade” neste sector, xa que apuntou que a comunidade galega conta con elementos que a colocan “nunha situación punteira” con respecto a outras moitas zonas de Europa.

Fronte a esta situación de desenvolvemento das enerxías renovables, defendeu que as Administracións teñen que estar “convencidas” en apoiar e darlle pulo a iniciativas empresarias neste eido, “e a de Galicia o está”, aseverou para concluír a súa intervención.